viernes, 27 de enero de 2012

A GUERRA DAS MALVINAS

Na primavera de 2008 saía ao prelo en Cataluña a escolma bilingüe galego-catalán, Poetes gallecs d´avuí (Llibres del Segle, 171 pp.) Dela presentamos o poema titulado "A Praza de Maio" da nosa compañeira Marga do Val (premio da Crítica 2011 polo seu poemario A cidade sen roupa ao sol e premio da AELG pola súa tradución de Randea do Alento da nobel Herta Müller)
Un poema axeitado para a conmemoración do Día da Paz: o protagonista é un mozo ex combatente da Guerra das Malvinas ao que atopa a poetisa na porteña Praza de Maio.


Na praza de Maio ás sete da mañá do 2006
din cos teus ollos e bebín mate da túa man
tiñas frío
ese frío interior que nunca cesa e que percorre todas as latitudes
levabas na praza cento vinte e un días
invitáchesme á manifestación ás catro da tarde.

Veterano de guerra matado pola democracia
dezaoito anos e unha soa semana de instrución
iluminado polo sol partiches obrigado para as Illas.
Dezaoito anos coma min que camiño feliz
entre os piñeiros de Zamáns cara a Universidade
e levo no corpo pegadas dos bicos de onte.
Tes na man o nome de todos os suicidios
o suicidio
esa morte tan natural na que pensas ás veces
mentres lembras as túas aulas de filosofía
con dezaoito anos.

Les manuais de autoaxuda
sabes da existencia da síndrome post traumática da guerra.
Convídote á Feira do libro e móstrasme o documento
ex combatente heroe da Guerra das Illas Malvinas
tes a porta fechada
moitas portas fechadas
condenado á esmola
vítima da ditadura á que lle puxestes o remate.

No hay comentarios:

Publicar un comentario