jueves, 19 de noviembre de 2009

A nosa "mascota"

A nosa "mascota" existe. Esta é a súa fasquía:


Este o seu D.N.I.:

Nome: Pedra

Apelidos: do Acordo

Idade: son tan vella que xa non me lembro.

Enderezo: no límite dos concellos de Gondomar, O Porriño e Tui e das parroquias de Rebordáns, Pazos de Reis, Chenlo e Morgadáns.

Afeccións: que os veciños cheguen a acordos sobre cuestións comunais.

Frase preferida: Lendo enténdese a xente.

Ela xa se rexistrou, agora é o teu turno


Club de Lectura “Pedra do Acordo”

Porque lendo enténdese a xente.



En tempos de pandemia, Xarope

Cando a gripe A parece atenazarnos, algúns dos membros do Pedra do Acordo decidimos facer un prospecto para o noso xarope
(como se enteren os laboratorios farmacéuticos, seremos denunciados por competencia desleal?...)


Pedra do Acordo
xarope

QUE É PEDRA DO ACORDO E PARA QUE SERVE?
É un medicamento do grupo dos favorecedores da lectura. Está indicado para:
➢ Tratamento de corta duración da apatía lectora.
➢ Revitalización das capacidades lectoras en períodos de lecer.

ANTES DE TOMAR PEDRA DO ACORDO
Evite tomalo se padece:
➢ Síndrome de inmunodeficiencia lectora severo e crónico.
➢ Se é alérxico (hipersensible) ao principio activo ou a calquera outro compoñente da lectura, dos libros e das bibliotecas.

Tolerancia
➢ Tralo uso continuado pode detectarse un lixeiro desexo de perder o tempo lendo.

Dependencia
➢ A inxesta de doses elevadas pode producir a aparición de dependencia física ou psíquica.

Uso en rapaces
Aos doentes menores de vinte anos debe administrarse en pequenas doses e sempre con carácter voluntario.

Condución e uso de máquinas
A capacidade para conducir vehículos ou manexar maquinaria pode resultar negativamente afectada pola sedación muscular que pode aparecer como resultado do tratamento.

COMO TOMAR PEDRA DO ACORDO
Atenda as instrucións que lectores incorrixibles e bibliotecarios poidan transmitirlle. Se ten dúbidas consulte con eles. Lembre tomar o medicamento nas doses indicadas e non suspenda o tratamento xa que podería provocar efectos non desexados.

POSIBLES EFECTOS ADVERSOS
Pedra do Acordo é ben tolerado e as reaccións adversas son leves e reversibles.
O último caso grave, literariamente probado, aconteceu no século XVII cando o fidalgo Alonso Quijano, trala inxesta de tódalas existencias que do xarope había na botica dun lugar da Mancha, do que non queremos lembrar o nome, acabou cun cadro alucinatorio vendo xigantes onde había muíños ou odres de viño tinto, castelos que eran vendas, helmos de Mambrino que eran bacías de barbeiro, Dulcineas que resultaron Aldonzas...

CONSERVACIÓN DE PEDRA DO ACORDO
Mantéñase ao alcance e vista dos nenos.
Este xarope non necesita condicións especiais para a súa conservación.
A data de caducidade é o día do Xuízo Final.

INFORMACIÓN ADICIONAL
Tes lido este prospecto?
A qué agardas para facerte co xarope?
Ven á biblioteca e infórmate!

Club de Lectura
“Pedra do Acordo”
Algúns acordamos ler
(e algo máis...),
e tí?

sábado, 20 de junio de 2009

Lecturas compartidas

Unha amiga estaba lendo Septimus de Angie Sage, apeteceume tamén lelo, esa mesma amiga prestoumo.

A autora no medio dos seus libros
Todos pensan que Septimus está morto pero, ao final, está vivo e nin el mesmo sabe quen é: iso foi o que me gustou, non me agradou que especificaran tanto. (Antía Martínez)

O cine atrae lectores

Eragon de Cristopher Paolini gustoume moito, lino porque xa tiña visto a película. Ten moita maxia, fantasía e hai loita con espadas. É axeitado para os que lles gusten os libros de dragóns e seres fantásticos. (Marcos García).

As obras de Laura Gallego

Moitos dos integrantes do club están atrapados pola maxia das narracións de Laura Gallego, un exemplo:
"Teño lido a triloxía Las crónicas de la torre mais só falarei da primeira das obras: El valle de los lobos. Collino en préstamo na biblioteca e vin que era lido por moitos dos meus compañeiros. Laura Gallego é unha autora que escribe bos libros. Gustoume moito porque é de magos e tamén ten cousas moi bonitas como o amor de Dana e Kai, case un amor imposible. Non me gustou que o seu mestre a traicioara. Recomendo o libro a todo o mundo, é moi bo e non aburre, lín sete capítulos nun día porque me gustou tanto que non parei ata acabalo. Coido que todos deberían lelo" (Cristian Macedo, 1º ESO)

miércoles, 17 de junio de 2009

Lectores das Crónicas de Narnia

"Gustoume El sobrino del mago de Lewis.
Primeiro vín a película e logo merquei o libro, trata de fantasía" (Daniel Dopazo)

"Lin El león, la bruja y el armario. O que non me gustou é que ten pouca acción. Recoméndoo para as persoas que gocen coas historias fantásticas" (Borja Viéitez)

Atraídos por Crepúsculo

Algúns dos nosos socios sentiron a irresistible atracción de Crepúsculo. Recollemos algunhas opinións:

"Gustoume porque aparecen vampiros; hai amor e terror... Recoméndoo as persoas que gocen coas historias románticas e vampíricas" (Laura Álvarez).

"Recomendado para os que gusten dos vampiros, das historias de amor, da acción e do misterio" (Ana Pérez)

"Vin primeiro a película e gustoume. Deixaronme o libro e tamén me gustou porque ten romanticismo, acción e ficción" (Noelia Romero)

"Recomendoumo unha amiga. Gustoume todo porque gústanme as historias de vampiros. Recoméndoo aos que lles gusten as historias de amor, de vampiros e os libros longos" (Andrea Valenzuela)

Tarde pero chegamos

Con razón preguntaredes onde estabamos ata agora.
Meses pasados creamos este blog que vivíu aletargado ata hoxe porque somos un grupo de novatos nas novas tecnoloxías e estabamos formándonos para poder usalas cunha mínima soltura. Para iso unha ducia de profesores formamos un grupo de traballo. Foron moitas as nosas tarefas: a creación do espazo da biblioteca dentro da páxina web do centro, a posta en marcha doutros dous blogs, un maior dominio dos recursos do programa MEIGA...
O blog que tes diante foi o último da fila, acordabamonos del pero sempre había outras prioridades ata que cun pé xa nas vacacións e con vivas ansias do descanso estival (para, entre outras cousas, poder ler sen preocupacións) comezamos a encher estas páxinas virtuais coa finalidade de sentar os alicerces do que, de cara ao vindeiro curso, ten que converterse nun ser con vitalidade puxante e nun punto de contacto cos que non sendo membros presenciais do club queiran participar no noso novo proxecto: un club de lectura virtual.

Que facemos?

Eis algunhas das nosas tarefas:

  • Lecturas seleccionadas (contos e lendas, literatura de viaxes e novela histórica, banda deseñada...)

  • Lecturas ambientadas (lectura e recitación de textos axeitados en lugares singulares: literatura medieval no recinto catedralicio, descricións da natureza nas ribeiras do Miño e no parque natural do monte Aloia, lendas dos nosos devanceiros no castro do Alto dos Cubos...)

  • Rutas e itinerarios literarios por Tui e a súa bisbarra (partindo de textos de Aubrey F. G. Bell, George Borrow, Licenciado Molina, Cunqueiro, Manolo Rivas, Unamuno, Cela, Pla, Julio Llamazares...). Realización do roteiro Xosé María Álvarez Blázquez, autor vinculado a Tui ao que se lle dedicou o pasado ano o día das Letras.

  • Lecturas "en clausura": aproveitando o cincocentos aniversario da súa fundación, ter unha “convivencia” lectora coas monxas encerradas (unha delas e autora dun par de libros de poesía relixiosa).

  • Comentario, posta en común e intercambio de opinións sobre as lecturas propostas.

Que buscamos?

Algunhas das nosas finalidades son:

  • Educar na lectura e descubrila como fonte de pracer.

  • Mellorar as destrezas lingüísticas.

  • Fomentar o coñecemento e a imaxinación e incrementar a sociabilidade.

  • Favorecer o traballo en equipo.

  • Coñecer mellor o noso contorno: histórico e literario.

  • Conseguir que a animación á lectura sexa un obxectivo fundamental de todos os axentes educativos.

Quen somos?

O curso pasado funcionou no noso instituto o club de lectura "Paisan", comezamos o presente decididos a darlle continuidade pero rebautizalo, así nace Pedra do Acordo.
Con Pedra do Acordo lembramos ás pedras ao redor das que se xuntaban os labregos para decidir sobre cuestións comunais: o reparto de terras, de leña, regas... No monte Aloia hai unha. No instituto temos outra: a Biblioteca, non ao seu redor, diriamos que máis ben nela estamos, entre outros as/os amigas/os da lectura.
Somos unha maioría de alumnos e un par de profesores que facemos, comentamos e vivimos lecturas en común. Se queres formar parte do noso club non tes máis que pasar pola biblioteca e/ou asistir as nosas xuntanzas. Se tes algunhas ganas de ler e compartir as túas lecturas eres dos nosos. Anímate e participa!