miércoles, 20 de abril de 2011

Que me queres, bolboreta?

A lectura dos dezaseis relatos curtos que forman Que me queres, amor é a nosa particular maneira de celebrar o oitenta aniversario da II República.
Seguindo este enlace podemos ler un dos relatos: A lingua das bolboretas, título da película do mesmo nome (baseada neste e noutros relatos do libro de Manolo Rivas) que veremos para ilustrar a nosa lectura.

lunes, 18 de abril de 2011

Para os amigos do mellor amigo do home

Rottweiler
de Wilhelm Jönas

Libro didáctico sobre o rottweiler, can que procede de Alemaña e que xa os gregos tiñan para determinados traballos. Gustoume o libro porque da orientacións para mercar un rottweiler. Fala tamén da hixiene, os xoguetes do can, a comida que debe tomar, os parasitos (externos e internos) que poden afectarlle como tratalos. Da conta das enfermidades (como a displasia na cadeira) e mostra os distintos órganos. Trae un glosario onde se explican algunhas palabras ou enfermidades. Na última páxina hai un sitio para pegar unha foto do teu rottweiler, poñer o nome, orixe...

O libro está ben pero eu poñería máis imaxes con información e tamén algún capítulo con enderezos de tendas, criadeiros, adestradores... A pesar de todo o libro -insisto- está moi ben, encantoume.

Andrea Moledo García, 2º ESO C

lunes, 11 de abril de 2011

Marcos Calveiro connosco

O mércores 6 de abril, o escritor Marcos Calveiro veu ao noso instituto, e falounos sobre o seu libro “O pintor do sombreiro de Malvas”, que gustou a moita xente e recibiu moitos premios.

O autor falounos de como comezara a escribir o libro e da gran cantidade de datos reais que manexara.

Tamén nos ensinou moitas curiosidades sobre a vida de Vicent Van Gogh e deu a súa opinión acerca dalgúns cadros deste pintor que aparecen como ilustración no libro.

Para conseguir información sobre Van Gogh axudouse de internet, películas e outros libros. Isto fai que o libro teña un ton realista, xa que a vida de Vincent seméllase a vida real do pintor mais non todo é certo.

Os personaxes da historia tampouco son todos reais. Pierre é inventado mentres Adeline é real.

Marcos Calveiro, ao final da presentación, permitiunos preguntarlle as dúbidas que tiñamos acerca do libro. Tamén adicou e asinou libros aos que quixeron.

A novela pareceume interesante ao igual cá presentación, xa que ademais de entreternos, ensinounos moitas cousas da vida de Van Gogh que descoñeciamos.

(Sara María González Piña, 3º ESO B)


viernes, 8 de abril de 2011

Anxo Angueira visitounos

O profesor, escritor, poeta e crítico literario, Anxo Angueira deunos unha interesante charla e recital de poesía o día 4 de abril sobre a escritora Rosalía de Castro.

Comezou falando da vida da propia escritora e das súas ideas. Para el Rosalía de Castro é “a Cervantes” ou “a Shakespeare” da literatura galega; a súa máxima expoñente, o seu símbolo. Comentou os novos descubrimentos sobre a súa vida, como que agora se sabe que ela non viviu co seu pai e que ela non aprendeu o cancioneiro popular escoitando “ao pé da lareira”, senón investigando e preguntando.

Sobre as ideas de Rosalía comentou que ela estableceu a oposición Galicia-Castela e denunciou o tratamento ao que estaba sometida Galicia daquela, que era considerada como unha auténtica colonia. Tamén denunciou dramas sociais, como a emigración (Adios ríos, adios fontes), a pobreza, a inasistencia aos orfos, ... Tamén se denota bastante anticlericalismo nos seus poemas.

Anxo Angueira tamén comenta que Rosalía dignificou a lingua, a cultura e a paisaxe galega.

Despois desta charla recitou varios poemas, como o de “Santiña Santasa” e comentounos, dando a súa opinión acerca de cada un.

En xeral a charla pareceume moi interesante e relativamente amena. Unicamente teño que dicir que ao principio estendeuse demasiado, desde o meu punto de vista, pero como xa dixen en xeral foi moi interesante e pouco “pesada”.

(Amaro González Pousa, 1º BAC B)